A AVOA AURELIA


Era desas avoas das que xa quedan poucas.
A morte da miña avoa paterna foi unha experiencia vital e incluso espiritual. Non sei que forza me levou a, uns meses antes da súa despedida, ter esa imperiosa necesidade de compartir con ela íntimos momentos na aldea; momentos nos que puiden comprobar e compartir a súa soidade, un sentimento moi humano pois estaba a facer memoria e reconto da súa vida ; isto é tamén humano, tanto que penso que todos vivimos de lembranzas. Din que levo moito dela.
Experimentei intensamente ese intre no que o meu corpo e o meu corazón me arrimaron a ela. Aprendín da súa forza, nese seu corpo que se esfumaba;asombrábame o seu tesón despois de terse despedido de Xavier, e sobre todo valoraba o seu sentido do humor que nunca perdeu. Fun testemuña das súas confesións e sobre todo do seu papel de nai, transmitíndome o infinito amor que sentía por canda un dos seus fillos, lembrando incluso anécdotas de moitos dos netos.
Paréceme xusto dedicarlle unhas ringleiras a avoa Aurelia, porque as avoas son as columnas vertebrais que asemellan ser eternas. Avoa, síntote en cada recanto.
Romy Vázquez Veiga
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2007


0 Comments:
Post a Comment
<< Home