ROMYJEAN

Siempre he pensado que viajar en un buque de carga siendo un poco pasajero y otro poco tripulante debe ser algo admirable....una valija pequeña, un cuaderno, un libro de poemas....me despierto cada día con el ansia de la FUGA. CORTAZAR

Monday, February 26, 2007

MOVILIDADE


Thursday, February 22, 2007

BARCELONA XANEIRO 07

ALMA

Alma era unha rapaza de pelo roxo con moitas pecas nas meixelas e ollos verde mel. Naceu en Raíces, unha aldea galega preto da capital. O seu avó paterno sempre dicía que Alma tiña ollos grandes coma farois. Isto é o pouco que lembra del ah!! E as figuras que facía o avó coas mans para visualizar na parede sombras de animais, concretamente dun can, co son do ladrido incluído.

Medrou rodeada do cariño da súa aboa materna e dos seus xoves e apostos pais. Era unha rapaza tímida que en ocasións tiña medo ao abandono, medrou con esa teima. A timidez transformouse en sociabilidade no colexio local onde intimou con dúas boas amigas de xogos que lle ensinaron a desenvolver a picaresca infantil; na rúa xogaba coa súa boa amiga Rota, unha nena diferente e demasiado aburrida para Alma.

A rapariga desenvolveuse nun entorno rural cheo de xoguetes de terra, herba e pedras en compañía de animais domésticos e salvaxes. O seu verdadeiro amigo foi Siva un can pastor alemán que a protexía en todo momento, tanto que cando a nena ingresou no hospital durante meses Siva non se separou da cama da nena ata que esta regresou.

Pero como na vida nada perdura estes tempos felices remataron cando os pais de Alma decidiron mudarse á cidade, Xibanía, a urbe máis bonita e encantadora do mundo e o seu cosmos particular; mais alí pronto comezou a sentise soa. Con 8 anos xa era unha nena responsable, facía sempre os deberes e logo pasmaba a mirar os debuxos da TV para despistar os seus pensamentos e de paso aprendía co porco espín e coa galiña.

Cando deixaba de ver a tele miraba pola ventá, esperando a que chegara o seu pai de traballar. O pai era o amor da súa vida e o seu mellor amigo. Contan que cando a nena estivo no hospital Papá fixo unha promesa secreta aos deuses que cumpriu durante un ano. E a nena salvouse. A nai respecto de dito acontecemento dixo un día que Alma era unha supervivente, ou mellor dito unha heroína.

E seguindo coa rutina semanal da nena, esta só desexaba que chegara o venres para facer a bolsa e volver á aldea............o camiño de volta, da cidade máis bonita do mundo a Raíces, era unha longa viaxe a pesares de que a aldea estaba moi preto de Xibanía.

A relación con papa era dunha forte tenrura e amizade. Este prestáballe moita atención, facíalle de comer, peiteáballe o seu longo e encaracolado cabelo roxo con dúas trenzas e xogaba con ela cada día ao regresar do traballo. Como era filla única tódalas atencións se centraban en Alma. A nai era pola contra máis fría e controladora e nunca logrou desenvolver empatía coa rapaza. Sen embargo medrou en liberdade. Digamos que a súa educación era unha “autoridade libre”.

Dentro deste mundo cotián Alma desenvolveu unha das súas maiores paixóns:o baile. Bailaba coas amigas, con Siva ou a soas polo que pronto a introduciron nun grupo de danza tradicional no que permaneceu dende os 8 anos ata os 18, idade na que empezou a mocear e a descubrir a súa beleza así que so tiña tempo para esta divertida actividade. A pesares de deixar o grupo de baile Alma nunca deixou de danzar. As súas ansias de mobilidade levábana a exercitar os dedos das mans dun xeito un tanto estraño, coma se os dediños loitaran entre eles, cuestión que a todos lles sorprendía moito. Alma pasaba horas facendo este exercicio ata lograres relaxarse. Mantivo a costume durante moitos anos.

Aproximadamente dende os 18 ata os 22 foi unha muller rebelde. E digo muller porque era unha muller. Cando as súas amigas falaban de princesas de conto vestidas de branco xurdía en Alma un punto extravagante para opinar sobre a súa idea do amor e da vida. “Eu serei solteira dicía, a pesares de que me namorarei”. As súas amigas non a entendían.

A pesares deste punto diferente Alma sempre cumpría cos deberes escolares e domésticos, aínda que facía literalmente “o que lle daba a gana”. De feito tomou esta alternativa por decisión propia tras unha profunda reflexión sobre o estilo de vida aburrido que levaba á volta da súa primeira viaxe ao estranxeiro, á terra dos seus músicos preferidos de rock and roll que sempre escoitaba mentres as amigas bailaban ao son do grupo de moda. Ela adaptábase a isto pero na intimidade prefería o son do demo, acompañada da súa loira amiga de baile. Como vos dicía, á volta da illa da liberdade Alma empezou a facer cousas divertidas e pouco convencionais coma xogar cos amigos ao streep pocker ou mocear cada día cun mozo distinto, simplemente porque lle apetecía; a nena tímida e solitaria converterase nunha moza sociable con moito éxito entre a comunidade masculina. Non tiña prexuízos.

E como sabedes ,as cousas que están agochadas cando brotan relocen máis. Igual que a flor do loto que medra no barro e sae cara o sol de xeito asombroso e definindo un estilo propio e esteticamente perfecto. O loto simboliza a beleza da vida.

E como a vida é cambio e movemento Alma calmouse ou mellor dito agachou os seu corazón salvaxe para vivir unha historia de amor tranquila.............e duradeira, longa......pero ............ai!! ela sabía que o seu corazón ao que tanto lle gustaba bailar so estaba invernando. A moza escoitábao como esas nais comprensivas que miran ao fillo e xa o saben todo. En silencio. E así foi, un bo día o corazón salvaxe quixo abrir de novo as portas á alma que estaba a pelexar co seu corpo................

Con esa loita mesturouse unha cuestión fundamental na vida da protagonista: cumprir anos. Sempre vira sufrir a mamá pola mesma cuestión, así que a chamada crise dos 30 foi a máis forte e reveladora dos seus medos e angustias e ademais, escolleu vivila soa.

Quería atoparse consigo mesma pero asustouse co engadido de que pensaba que a súa vida xa pouco ía cambiar. Choraba cada día e illouse do mundo exterior; a relación coa súa nai foi cada día máis violenta así que Alma recolleu ao seu corazón salvaxe e dedicouse a viaxar co seu espírito libre escapando de si mesma para atoparse de novo. Consideraba que a o seu hogar estaba en calquera esquina do planeta. Sempre era estranxeira.

Deste xeito Alma, aínda que o sospeitaba, descubriu que era un ser nómade e un espírito libre; como ben lle dicía a súa aboa: “rebólenche os pes nena!”. Alma sempre estaba preparada para a fuga. As súas viaxes eran o que máis enfadaban a mama porque perdía o control sobre a vida da moza. Viaxaba por toda a esfera planetaria e os países onde alí mellor se sentía eran os orientais............ Oriente tiña un imán que a atrapaba, ¿habería algo diso na súa orixe?. Algún amor importante de Alma comentaba que corría sangue mora polas súas venas. Así que ela foi a comprobalo. Nunca soubo se ese amor tería paciencia para esperala, pero a súa inquietude impedía que permanecera preto del ou deles.... Ademais sospeitaba que algún moro coma ela antes ou despois aparecería de novo para lle dar a man. Amaba a quen respectaba a súa liberade.

E a propósito disto falemos do amor porque a persoa que a ela lle parecía que era para sempre desvaneceuse. O porqué rompeu ese amor non interesa, pero se estades atentos resultaravos fácil de desvelar ao longo desta historia. O importante é que no proceso de ruptura do seu amor convencional apareceu un grande compañeiro de viaxe, libre, un heroe do silencio...........

E por suposto a pesares deste episodio Alma seguía coa súa firme decisión de seguir sendo ela mesma. Mais namorada que nunca preguntábase ¿como ser libre namorada? Choraba e choraba, pelexábase co mundo e incluso co seu heroe do silencio..........que era libre pero estaba enredado nun roda íntima e intransferible, pechada, onde so ti podías entrar pero era difícil saír sen abanear. Así que Alma deixou de bailar........... Curiosamente canto máis se enredaba no círculo do silencio máis se movía pola esfera.

E á volta dun dos seus longos e máis intensos paseos polo planeta, experimentou unha forte viaxe interior, transformadora, que fixo brotar lentamente un ser ledo e máis doce e suave, fronte a ese carácter forte que a debuxaba.

Tras a intensa experiencia espiritual, lentamente foi comprendendo que era mais afortunada do que pensaba e de xeito natural escolleu outra figura xeométrica vital para a recomezar a danzar: a ESPIRAL. Aínda que xa se transformara nunha heroína do silencio debía saír do círculo..........e tiña moito medo a non aguantar de pe.

Dado que a súa mai lle dixera que era una supervivente, apartou o medo a caer derrubada a sabendas de que aos cinco días comezaría a danzar a vida en espiral cunha mochila. Aberta de principio a fin.

Aceptou que a rota relación coa súa nai e incluso cos seres que máis quería era produto quizabes dun mal karma na súa vida anterior. Ou das ansias de liberdade ou ou ou....non se sabe.

Aprendeu tanto desa experiencia interna que cada mañá erguíase feliz e daba grazas por estar viva. Comezou de novo a brincar e aínda que as súas ansias de fuga seguían a angustiala, de vez en cando, Alma vivía nun estado de calma e paz interiores maior que lle axudou sempre a amar e a estar EN SÍ MESMA e encariñada co mundo.

A aldea onde nacera, Raíces converteuse no seu lugar de acollida. Pensou que para entender a mama debía desenvolver a compaixón e acercarse á nena que foi; valorou que a cambio dos seus conflitos tiña a mellor aboa do mundo e os seus mellores amigos aqueles que coñecera no berce seguían no mesmo lugar pero con máis forza.

A romántica soñadora e idealista Alma preparouse dende entón para vivir unha nova etapa vital chea de enerxía positiva e acontecementos alegres. O seu amor chegou tarde, preto dos 40, pero valeulle a pena esperar. Era un home viaxeiro coma ela, humilde e austero, romántico e cariñoso con quen tivo unha filla froito da paixón chamada Lúa. A Lúa criárona na aldea onde aprendeu todo aquilo que consideraron importante e foi a nena libre máis feliz que houbo debaixo das estrelas. Alma disfrutou dunha doce e apaixonada vellez e soubo que a separación e o desapego teñen a súa propia beleza, ao igual que os encontros. A separación é poesía; só hai que aprender a súa linguaxe e vivila en profundidade. Entón da tristeza mesma xorde unha nova ledicia; parece case imposible, pero sucede.

Romy Vázquez Veiga, Santiago de Compostela, Febreiro 2007

SIGÜEIRO FC 1975